domingo, 24 de mayo de 2009

obsesiva-compulsiva

Ademais de ter o síndrome de Dióxenes decátome que son obsesiva-compulsiva, agora collín o fío de facer terrariums nas botellas e non podo parar, saen coma churros, cando vexo algún cacharro de cristal o primeiro que penso é si vale para o asunto, e se non ten tapa, que podo argallar para poñela...
Os nenos parece que se contaxiaron desta febre vexetal, aí esta o seu minixardín, que vai medrando cada día, as sementes plantounas o neno fai 10 dias máis ou menos...(si puxera unha tapa de cristal ían estar antes, dígocho eu...)

sábado, 23 de mayo de 2009

xa crecidos

Estou decidida a facer unha horta na casa. Agora que P tamén se dedica a cociña, apuntouse ó tema, eu quero plantar pimentos e tomates e el herbas aromáticas. Eu xa fixera unha proba cos nenos e acabara nun fiasco... agora xa aprendemos moito dos nosos erros. Polo pronto, merquei as herbas xa crecidas, (para ir vendo resultados..., ai a triste realidade destes tempos) pero isto é so o principio do que temos en mente... mesmo estivemos mirando un sistema de rego para poñer nas galerías cun deposito para cando esteamos fora bastante tempo... Xa contarei
E esta é a carta sorpresa que me deu Val onte... Gustoume

viernes, 22 de mayo de 2009

mola

Non podo deixar de mostrar as cousas que atopo relacionadas coa miña teima dos cartóns de ovos (por exemplo esta e esta... ) As posibilidades dun material tan a man son moitas...cando vexo cosas así dánme ganas de montar un I+D na miña cociña, experimentando novos usos para vellos materiais o novos materiais para vellos usos... Estra imaxe e a seguinte, atopeinas en design sponge, un blog que frecuento e do que teño o enlace aí ó lado.
O das velas está xenial. Eu xa fixera unhas coas laranxas cortadas a metade, dan un cheiro moi agradable, pero estas son moito mellores... o toqueciño da forma estrelada é o que convirte algo bó e normal en algo bó e especial...
nota para miña nai: non o fixen eu... copiei a footo

domingo, 17 de mayo de 2009

tartarugas e mais xardíns pechados

Agora temos, ademais dos peixes, unhas tartarugas que lle regalaron a Valentín. Aquí están os rapaces a velas acomodarse na nova casiña que lles fixemos E eu sigo coa teima dos xardíns en botellas... Nesta, como non tiña tapa, púxelle un vaso desaparellado que tiña por casa... creo que non queda mal... o do tigre foi pa darlle unha nota de color á mini-xungla. Aí vese ben o cristal embazado... iso é que o principio do autorego está xa a traballar

sábado, 16 de mayo de 2009

porque quero

Hai uns dias o meu home decidiu por fin botar unha ollada ó meu blog... (penso que lle preocupa que non explique ben as receitas do xelado...) Eu estiven caladiña, coma quen agarda a nota dun exame... de vez en cando o meu home sorría, así que crin que tiña pasada a proba, ata que vin que lle daba un arrepío e torcía o xesto coma con dor, unha vez, e un pouco máis adiante outra... mirei a ver que lía nese momento, pensando que lle molestaba que falara del, pero non, era nunha entrada na que nin o mencionaba... Como seguía a ter eses espasmos cada certo tempo pregunteille que lle pasaba, e empezou a murmurar: lagartixa... rodaxa... só falta dicir... sen tapuxos! Ven, aí chegamos ó asunto... era a miña incorrección no uso do galego o que o facía remover na cadeira... Ten razón. Eu non me expreso correctamente en galego. Costame mais que expresarme en castelán. Eu non son unha galego-falante. Cos meus pais e irmáns falo castelán, porque é o idioma no que sempre falamos entre nos... E por esa mesma razón fálolles así ós meus fillos...aínda que intento falarlles en galego, non me sae de xeito natural... Pero eu non sinto que me impoñan o galego... ao revés, penso que o galego esta morrendo e está nas nosas mans darlle nova vida, e non hai outra forma de manter vivo un idioma que falándoo, sempre, a todas horas, en todos os ámbitos, como si non tivésemos outro... Quero que ós meus fillos non lles pase o que me pasa a min, e se poidan expresar con naturalidade en galego (e claro, tamén en castelán, tamén en inglés, tamén en chino, se cadra, que sei que é o idioma do futuro....) e mesmo si me puxeran no brete de ter que escoller só un idioma, que fora o galego, que é propiamente o noso. O meu blog é o sitio onde poño o que vexo, o que me gusta, o que fago cando podo facer o que quero, ou o que me gustaría facer...pois ben, a min gustaríame ser galego-falante, e neste recuncho, onde non teño que dar conta a ninguén de por que fago o que fago, e que é a expresión da parte da miña vida cotiá que mais me gusta, ben ou mal, falo galego.

martes, 12 de mayo de 2009

molecular

Estaba evitando falar das cousas do meu home no blog, porque, como ben di el, si tivera interese en andar espallando pola rede todo o que fai, xa tería el o seu propio blog, e, como di o outro, xa terá un blog cando merque un gato... Ademais empezo a parecer Elvira Lindo falando do seu santo... Pero, non podo resistilo máis... porque a cousa está tomando proporcións alarmantes...
Ao libro do McGee, que fora no seu dia o desencadéante deste furor pola cociña..(eu diría que polos experimentos de física e química de bacherelato, en realidade) engadíronse ultimamente estas dúas adquisicións. O do leite é autentica obsesión... xa fixo requeixo, crema agra, mascarpone, xeado, iogur ¿que máis?...Desde que atopou na tenda un leite crú, sen pasteurizar, dunha cooperativa de Lalín, anda coma un xílgaro de contento... porque non sabedes as porcarías que lle fan o pobre leite nas fábricas, ... iso si que é deconstrucción... A súa teima é, ademais do leite, o frío, de aí a deriva natural ao xeado, sorbete e demais variantes... A verdade é que merece a pena por a receita do xeado, creo recordar que era algo así: Ingredientes: 1 vaso de nata e un vaso de leite, azucre e esencia de vainilla (isto último opcional), dúas bolsas zip de conxelación de unha pinta, e unha dun galón (ou era ó revés?) auga e sal. A min tamén despistáronme estes últimos ingredientes, tiven que ir ver que raios era un galón, porque o da pinta parece que o visualizaba mellor ... Resultou que as bolsas normais que venden son -onza máis onza menos- precisamente dun galón ou dunha pinta, así que por ese lado non atopou problema. E indo ó choio, estes son os pasos a seguir Instrucións: Encher as bolsas grandes de auga con sal nunha proporción do 15%, creo recordar e poñelas a conxelar Encher a bolsa pequena co resto dos ingredientes e axitar (no remexer) ata que se integren (ollo: non poñer aceituna) Cando a temperatura das bolsas de conxelación este ben baixiña (poñamos os -16º) chimpar a bolsa pequena no medio como un sandwich e deixala un cartiño de hora no conxelador. Sacala e ir vendo como vai, remexer un pouquiño o xeado para que quede uniforme e ollo co Frostbite! mellor envolver todo o lote cun pano. O da salmoeira agora o ten máis estudado creo, xa non o fai en bolsas zip senón en caixas de plástico, porque tivo algúns problemas de verquidos, pero aínda non sei como fará o sandwich cos tupper... en fin, poño algunha foto dos últimos postres que nos ten feito...cada un deles tería unha historia detrás... o mus feito so con auga e chocolate, por exemplo...outro dia Postpost: A receita púxena a ollo lembrando o que lle vira facer e o que me pedira na lista da compra, comprobado o asunto co xefe, faime as seguintes aclaracións: -As tres bolsas de conxelación van no mesmo tamaño, sexa pinta, sexa galón. -O único que vai ao conxelador son as dúas bolsas de salmoeira. -Os ingredientes do xeado reméxense (fora da bolsa), non se axitan, e logo de remexidos e botados na bolsa ponse esta entre as dúas bolsas conxeladas (aí é cando a que ter coidado co frostbite e envolver todo cun pano para non quedar cos dedos pegados para sempre xamais nas bolsas) -O xeado faise case ó instante , en menos de 15 minutos, enriba da mesa da cociña, sen bater, sen remexer, sen axitar...e sen metelo no conxelador. Vese que a frase de moda na casa é ollo co frostbite, rapas, seguida de perto por esta outra... na cociña o frio é o novo calor...

lunes, 11 de mayo de 2009

wardian case

Esta semana foi a primeira comunión da nosa querida Ana pequena... cavilando sobre que podiamos regalarlle nun dia tan sinalado, dimos coa idea de darlle un xardín de seu... Eu xa estivera dándolle voltas ao choio, despois de ver algúns destes fermosos terrarios e xardíns en botellas... Investigando o asunto, dimos con Nathaniel Ward, un botánico, penso que inglés, que en 1829, descobre, accidentalmente, que as plantas viven estupendamente nunha furna pechada, sen aportación exterior... Parece ser que a propia transpiaración das plantas e posterior condensación da auga nese recinto mantén nas condicións otimas de humidade o sistema... Este sería o terrario húmido, pero tamén pensamos no terrario seco, cunhas plantas crasas e a idea de crear un habitat para colocar nel, por exemplo, unha lagartixa ou unhas tartarugas ou que seu eu... Unha vez aceptada a idea polos rapaces, levounos o seu tempo atopar o recipente idoneo, (non o creredes, pero ...onde o atopamos finalmente?, exacto: en RETO) e mesmo as plantas... Nun viveiro de Montouto atopamos por fin a nosa alma xemelga, logo de visitar varias floristerias convencionais nas que nos aseguraron que era imposible que as plantas viviran nun recipente de cristal pechado e, mesmo nunha delas, nas que nunco ouviran falar das plantas crasas... En fin, unha vez mercado o recipiente e as prantiñas, aquí estamos a montar o tinglado: Este era o xardín húmido... Ao final puxemos un columpio na árbore, pero non temos foto deste último detaie... Así quedou o xardín das crasas... ten un ar xaponés... Este ao final non llo dimos, quedamonolo nos... No concurso gañou o xardín húmido En fin esta cousa dos minixardíns, realmente crea adición... nesta semana fixemos xa tres... con pouco gasto e traballo tes algo que merece a pena mirar... para os que non temos xardín de verdade nin tempo para coidalo...é un bó sustituto... Eu xa estou maquinando facer nas galerias da miña casa unha pequena horta urbán... Mano para as plantas non teño, pero moral...moral teño máis que o alcoiano, que non sei moi ben que é pero sei que tiña moita moral.

lunes, 4 de mayo de 2009

Triton I , o Breve

Este domingo acompañamos a Tin á lagoa de Doniños a buscar gambuxas, (o algo así entendín eu), porque sei que eses peixiños van acabar cunha plaga que ten no seu acuaterrario. Aproveitando a viaxe, levou o kit completo de naturista, coa idea de completar con algún especimen máis o susodicho acuaterrario...
A captura dos tritóns foi na fonte do Roxedoiro, e collimos varios machos e unha femia, que sei que estaban en celo, por certo, e deunos un deles para iniciar o noso propio aquaterrario en casa. Sabendo que o probe tritón estaba en celo, pareceunos mellor levarnos a parelliña, pero Tin, que sabe de nosas limitacións no mundillo este dos acuarios, díxonos que foramos practicando con un, que despois xa iríamos collendo máis... Que razón tiña... O domingo pola noite deixamos o tritón no acuario pequeno que temos valeiro (de peixes, non de auga...) e pola maña o tritón xa non estaba alí... Como escapou, non somos quen de adiviñalo, xa que o acuario tiña tapa...e pistas non deixou... Logo de examinar o lugar do crime esta maña, o neno chegou a conclusión de que o tal debeu subir polo cable do filtro e chimparse fora polo buraquiño que queda na tapa.. Non a obstáculo que non supere un macho en celo! A estas horas da noite aínda non o atopamos o bribón do tritón... Ao mellor, si trouxeramos a femia dende o principio tiveran asentado os dous na casa...